Tuesday 14 de May de 2024

O Concello impulsa un encontro deportivo benéfico a favor da Asociación Boanoite na Casa da Auga


O evento, que terá lugar o sábado 16 de decembro, foi presentado pola concelleira de Benestar Social e o Concelleiro de Deportes

A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, presentaron esta mañá na Casa da Auga o I Encontro Deportivo Casa da Auga Solidaria, que se realizará o próximo 16 de decembro, das 17.00 ás 20.00 horas, a beneficio da Asociación Boanoite. Á presentación acudiron tamén Claudio Orjales, director xerente de Termaria; Manuel Aguilar, director da Fundación Emalcsa; José Manuel Orejón, director técnico de Emalcsa; David Bello Gacio, director executivo de IPglobal, e Ana López, da Asociación Boanoite. As persoas participantes posaron cunha camiseta do Deportivo firmada polos xogadores, que será un dos premios deste sábado.
“Quérolles dar as grazas a todas as entidades que puxeron en marcha esta iniciativa aberta a todo o mundo e que combina deporte, inclusión e solidariedade”, dixo Yoya Neira. “É unha oportunidade para probar experiencias deportivas, sexan cales sexan as nosas capacidades, á vez que colaboramos coa tarefa que realiza a Asociación Boanoite”.

O evento desenvolverase en distintos espazos da Casa da Auga, incluíndo a entrada do edificio, as salas de actividades e a piscina de Termaria e os espazos dalgunhas das entidades deportivas situadas no recinto, que se converterá nun gran centro multidisciplinar no que participar en diferentes retos deportivos. Están programados:

Brazadas solidarias 100×100 nado. Coa colaboración do Club Hércules.
● Zoa (Vestíbulo de Termaria)
● Bodybalance (Vestíbulo Termaria)

● Sportbike (Sala Artio)
● Parkour (Sala FAN exterior. Coa colaboración de Motion Academy)
● Bautismo de mergullo en piscina. Coa colaboración de Buceo Galicia
● Esgrima en familia. Coa colaboración de 100tolos
● Exhibición de esgrima. Coa colaboración do Club de Esgrima Coruña
● Seminario de halterofilia. Coa colaboración do Club Halterofilia Coruña

A inscrición para o evento pode facerse na web da Casa da Auga www.casadelaguasolidaria.com onde tamén se pode atopar toda a información sobre os horarios e outros datos de interese.

Cada actividade terá un prezo de 4 euros que irán directa e integramente á Asociación Boanoite. A inscrición dá dereito a participar nun sorteo de agasallos que achegan distintas empresas colaboradoras. Así mesmo hai posibilidade de doar a través dunha fila 0 que tamén dá dereito ao sorteo. Ademais, coa colaboración de Supercor, poñeranse contedores para recoller alimentos destinados á Cociña Económica.

O Goberno de Inés Rey colaborará na cita a través de voluntariado municipal, que orientará e asistirá as persoas participantes durante todo o evento. Haberá tamén un servizo de ludoteca para atender as e os menores que acudan cos seus pais a este grande encontro deportivo. Ademais, están previstas distintas actuacións musicais a cargo de Yamaha Music School da Coruña, interpretadas por alumnado e profesorado da devandita academia, tanto nos descansos das actividades como ao peche do evento.